artesa-de-arte-mj-perez-c

MJ Pérez

artesa-de-arte-mj-perez

MJ (María José Pérez) é unha nova artista do panorama actual da música en galego.

Aprende a tocar a guitarra aos 14 anos e ao pouco tempo comeza a compoñer os seus propios temas, descubrindo un novo xeito de expresarse a través da música.

MJ Pérez compón o seu primeiro tema en galego Volverei, que deriva na banda sonora do proxecto audiovisual “Ao Vento”. Isto sumado á participación nun obradoiro de poesía con Yolanda Castaño, empurra a María a compoñer novos temas e compartilos coa xente.

María comeza a crear o seu primeiro álbum cando coñece a Iván de Superoito. Este é un momento de inflexión para MJ xa que Iván é unha figura que a empurra e a apoia dende o primeiro momento. Á par do nacemento do grupo Superoito, María comeza a compartir os seus temas e, co paso do tempo, deciden facer unha primeira colaboración xuntos: Martinho. O tema tivo unha boa acollida por parte do público, o que deu pé a novas colaboracións xunto co grupo e con Iván.

Á par deste feito, María crea “Ollos que non ven, síntoma de cegueira”, o seu primeiro álbum. Trátase dun traballo autoeditado e compartido a través da rede. O nome procede dunha das cancións e definese porque os ollos e a mirada son un leitmotiv ao longo do álbum.

MJ Pérez foi finalista no “I Certame de Canción de Autor” do Concello de Teo. Colabora en diferentes proxectos como é o caso do documental “Vieiros de Esperanza”, centrado na vida de Carvalho Calero, ao que pon a súa música.

Tamén está ao frente de “O Valse”, unha iniciativa que intenta achegar o audiovisual ao mundo da música. A raíz disto produce “Non sabes bailar”, o primeiro videoclip de Superoito e tamén “Evidencia” o seu primeiro videoclip.

Con pouco máis dun ano actuando e máis de 30 concertos ás súas costas, compartiu escenario con artistas como Mäbu, Silvia Penide, Superoito ou Ivy Moon.

Adoita estar presente tamén en actos de caracter literario, principalmente acompañando a Mercedes Leobalde nas diversas presentacións do seu poemario “Chamádeme Eva” e do seu libro “Funambulistas”.

Actualmente, MJ está a piques de sacar o seu novo disco: Guerrilleira. Un álbum no que as diferentes cancións están unidas por unha temática común: a guerra. Deste xeito, Guerrilleira é un traballo no que cada canción é unha historia individual, e ao mesmo tempo, o álbum narra unha historia no seu conxunto, unha guerra.