Felix Arias - Artes Paralelas - Artesa de Arte

Felix Arias \ Artes Paralelas \

Felix Arias é ese diamante en bruto que atopas de súpeto e exerce poder hipnótico sobre ti.

Dende as súas cancións proxecta unha tenrura inusitada cunhas doses de poesía e ás veces de ironía, xustas, que envolven a quen escoita. E tamén a quen lé, xa que os seus textos gozan da fortaleza sabia de poderse desligar da música e manter todo o sentido.

Dende o seu primeiro disco Manchados de Tinta a este último Aves Zancudas, descubrimos a un autor sen présa, un artesán alquimista que acariña os seus traballos coma quen coida dalguén querido con sumo agarimo, con sumo amor.

Esta é a entrevista, a cargo de Cohete Laranxa, que lle fixemos tras o seu paso, o pasado mércores 11 de outubro, pola Sala Mardi Gras da Coruña.

Felix Arias - Artes Paralelas - Artesa de Arte - Cohete Laranxa
Como sentiches o escenario da Sala Mardi Gras nunha noite tan especial para ti, acompañado duns músicos excepcionais?

Sentinme moi arroupado por ambos, Samuel Pérez e Alberto Villarroya, a verdade é que estiveron especialmente ben. Cada concerto é igual e diferente ao mesmo tempo, nunca sabes como reaccionarás. Neste sentinme moi inspirado, moi a gusto, coido que foi dos mellores da miña carreira.

Como vive Felix Arias os momentos entre bambalinas?

Sempre con nervios, en maior ou menor medida. Algunhas veces nervios de preocupación por algún detalle do repertorio no que se ten algunha dúbida (as que menos, co tempo apréndese a relativizar) e a maioría de ilusión, de impaciencia por saír canto antes ao escenario, á fin e ao cabo é o obxectivo de todo o traballo previo. Procuro illarme un pouquiño para facer un repaso mental do que debo facer e do que non debo esquecer, para non dispersarme, é fundamental a concentración no escenario.

Tes algunha manía, algún ritual antes de saír a escena?

Pálpome os petos e se teño algo neles, baléiroos.

De que goza máis Felix Arias coas súas cancións?, do proceso compositivo, do estudo de grabación, dos concertos en directo?

Sen dúbida dos concertos. Gústame moito o estudo, mesmo ensaiar porque non deixa de ser un reencontro cos teus compañeiros que, polo xeral, son amigos. Pero o escenario é o que máis me gusta, con diferenza.

Algo que nunca che falta no escenario?

Non hai nada en concreto, nese sentido son moi conformista. Se teño unha botella de auga aos meus pés, mellor. É moi recomendable para os cantantes, pero se non, tampouco me preocupa.
Máis ben teño pequenas teimas: a colocación do micrófono, non ter accesorios no escenario ou 
no meu set (nin atril nin soporte de púas baixo o micro nin afinador de pinza no clavijero…), ese tipo de cousas.

Algo que nunca falta en cameríns?

Auga do tempo.

Como vive Felix Arias os ensaios previos a unha estrea ou a un concerto importante?

Pois como o resto dos concertos, exactamente igual. O traballo previo é o mesmo, depende de se o repertorio está máis ou menos interiorizado, pero en definitiva iso vale para todos os bolos. Tómome moi en serio os ensaios, non son dos que lles gusta dilatalos con charlas alleas ao traballo. Prefiro meterme de cheo no meollo, relaxadamente pero sen concesións, sen présa pero sen pausa. Frústrame moito cando xorden as anécdotas e as batalliñas e dispérsano todo, pero en fin, cando pasa iso, tento levalo o mellor posible. Gústame o meu traballo, así que me gusta ensaiar ben.

Un concerto o que asistiches de público e deixou pegada en ti.

Joan Baez, en Compostela, fai un par de anos. Intimidade na multitude, era coma se a túa tía estivese a cantarche cancións belas no salón da súa casa.

Alguén que nos recomendes escoitar.

Recentemente descubrín a Fabrizio de André, un cantautor italiano dos sesenta e setenta. Moi interesante.

Vindeiras datas, concertos ou proxectos que queiras comentarnos?

O 25 de novembro estarei con Cincoparedes no Bâbâ Bar da Coruña.

Felix Arias inaugura a sección Artes Paralelas da nova colaboración artesá Cohete Laranxa.

Se queres comentarlle, recomendarlle ou ser entrevistado por Cohete Laranxa na súa sección Artes Paralelas, podes contactarnos por correo electrónico no enderezo cohetelaranxa@artesadearte.gal

 

Leave a Comment