Artes Paralelas
Tendencias

Areta Bolado fala nas Artes Paralelas

Cohete Laranxa

Areta Bolado é esa actriz de raíz que deixa abraiada á persoa que a degusta sobre as táboas. Esa actriz que xoga contigo, segura de si mesma, de Polo a Polo, de bágoa a gargallada. Esa actriz que convence e medra baixo os focos e os aplausos.

Precisamente de aplausos sabe moito.

Mergullada en diferentes proxectos, resaltamos na Artesa a súa labor dentro da Panadaría, compañía na que comparte escenario con Ailén Kendelman e Noelia Castro. Perfecta conxunción.

Dende PAN!PAN!, coa que comezaron colleitar éxitos, ata Elisa e Marcela, pasado por Panamericana, esta compañía que nace no 2013 non deixa de medrar para sorte do público.

Pomos o noso punto de mira en Elisa e Marcela, coa que están a esgotar as entradas en cada función e que tivemos a sorte de ver na súa estrea na Coruña. Do día da estrea falamos con Areta Bolado e deixámoste xa coas palabras que intercambiou co noso querido Cohete Laranxa, nesta segunda entrevista do recuncho das Artes Paralelas desta casa.

 


Como sentiches o escenario e o público do Teatro Rosalía de Castro da Coruña?

Foi moi emocionante. Non actúa unha a cotío nun teatro do século XIX cheo de arriba a abaixo. Foi emocionante por poder actuar neste teatro marabilloso, onde non actuara antes, mais tamén porque sentía que era unha homenaxe da cidade da Coruña a estas dúas mulleres tan, tan necesarias. Elisa e Marcela soñaron o imposible e fixérono real. Todo por amor. Para nós as tres era importante que a estrea do espectáculo fose neste teatro, moi preto da Igrexa de San Xurxo, onde casaron. Moitas persoas, ao rematar, achegábanse a nós e nos dicían “grazas”, emocionadas. Creo que aí fun consciente de verdade do moito que no colectivo LGBTIQA+ precisamos referentes e figuras visibles e sentín moito orgullo.

Como vive Areta Bolado os momentos entre bambalinas?

Pois coido que é o lugar onde menos me gusta estar! Na Panadaría teño a sorte de que unha vez que entramos no escenario xa non saímos ata que remata o espectáculo pero, se teño que entrar e sair e agardar entre bambalinas, póñome nerviosa. Non sei, quizais sexa curioso mais creo que me sinto moito máis segura no escenario, actuando, malia que teña a moita xente mirando.

Tes algunha manía, algún ritual antes de saír a escena?

Non son moi maniática, procuro ser máis práctica que supersticiosa. O tempo antes de saír a escena é para prepararme, fago quencemento de corpo e de voz e repaso os intres do espectáculo nos que preciso máis atención. Lembro sempre como nunha entrevista Concha Velasco dixo que ela era do método Staniswishky hehe. Eu para iso son moi sana, nin alcol nin tabaco, e si que é certo que hai certos alimentos que evito nas horas antes de actuar porque me caen pesados, provócanme flemas ou sécanme a voz.

De que goza máis Areta Bolado: das funcións en directo, das rodaxes en plató?

Considérome unha muller de teatro e de compañía. Amo esta profesión, admiro a moitas compañías veteranas e actrices e actores que coñecen ben este oficio. O teatro ten un encanto e unha fraxilidade que aínda non conseguín vivir co audiovisual. Alén diso, gústame esa sensación de familia que leva consigo ter unha compañía, compartes moito máis que actuación e ensaios, constrúes o teu futuro sobre soños compartidos.

Algo que nunca che falta no escenario?

Non adoito poder escoller que hai no escenario cando traballo para outras compañías e, na Panadaría, tampouco empregamos moitos elementos. De momento e por sorte, non deixo de subirme aos escenarios con actrices e actores admirados/as e queridos/as.

Algo que nunca che falta en cameríns?

Creo que podería dicir unha lista de topicazos! No camerín nunca falta auga, un espello, maquillaxe, spray de propoleo, froita (mellor mazá), un ferro de pasar… Teríame gustado poder dicir que poño fotos ao carón das luceciñas do espello, mais en Galicia é unha excepción case única facer máis dunha función no mesmo teatro. Ogallá.

Como vive Areta Bolado os ensaios previos para unha estrea importante?

Paso todo o día moi concentrada dándolle voltas a este texto, aquela canción, ese movemento… e tento coidarme para chegar con forzas. O día antes, aínda que estea nerviosa, tento durmir abondo, descansar, porque o día da estrea sempre é moi intenso e pos moita enerxía na función e na preparación da función durante o día.

Areta Bolado - A Panadaría \ Artes Paralelas \ Cohete Laranxa - Artesa de Arte
As fotos realizadas por Corsino e LaDiapo fotografía, corresponden aos XIX Premios María Casares, nos que Areta Bolado foi galardoada.

Areta Bolado: a masa nai.

Este anaco de arte en movemento non para e a comezos do vindeiro mes estará con Voadora no Centro Dramático Nacional, representando a súa particular Sueño de una noche de verano no Teatro Valle-Inclán de Madrid, do 8 ao 11 de febreiro.

Amosar máis

Un comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Close