Adán Jorge

artesa-de-arte-adan-jorge

Adán Jorge (Lugo 1982) guitarrista e compositor, comeza a tocar a principios do ano 2001 nun grupo chamado “La posada del fracaso”, unha formación formación lucense que parte da idea de facer versións de Joaquín Sabina. É neste período cando entra en contacto coa música de autor, realizando concertos no Club Clavicémbalo e outros locais lucenses.

Tras ese período comeza a formarse no estudo da bossa nova, tomando clases de harmonía en estudo escola e co talentoso guitarrista Quique Azambuya (Jazzman de Compostela). No ano 2004 comeza a tocar en diversos locais da xeografía galega, desenrolando un repertorio baseado na música popular brasileira e na máis pura canción de autor de artistas coma Silvio Rodriguez, Pedro Guerra, Caetano Veloso, Chico Buarque ou Djavan entre outros. Alterna tamén actuacións nas rúas da cidade vella de Santiago e colabora en pequenos concertos co artista brasileiro Fredy Fevereiro.

No 2008 toma clases no seminario permanente de Jazz, onde ten como profesor de combo a Abé Rábade, entrando en contacto coa improvisación musical e outros aspectos do Jazz. Adquire tamén formación en técnica vocal co profesor de canto Ramón Bermejo.

No ano 2013, entra en contacto con Xoán Curiel e ten a oportunidade de gravar o seu primeiro disco de estudo, “Abundancia”, con temas propios. Os temas parten da idea do tropicalismo, na que non se impoñen limites estilísticos á música, pero sempre co factor común da riqueza nas letras, buscando a sinxeleza e a honestidade nas mesmas. Así é, que no percorrido deste álbum atópanse temas que pasan polo funk, bolero, baiao, samba e o folk.

O disco está musicalmente producido Xoán Curiel (premio da música independente mellor álbum en lingua galega 2013) quen participa tamén cantando no tema “Tan diferentes”. Gravado no estudio Gourmet Sound de A Coruña, baixo os mandos de Alfonso Camarero (técnico de son e percusionista integrante do grupo Miki nervio e os bluesmakers). Colaboran o talentoso percusionista bahiano Paulo Silva (percusionista de Dulce Pontes, Budiño, Uxía…), o baixista Alberte Rodriguez (integrante de “Dios ke te crew”, “Narf trio”), a cantante galego-palestina Najla Shami e o zanfonista Ariel Ninas (integrante de “A central folque” e colaborador en discos como o “Son brasilego” de Sergio Tannus).